19 jun 2009

O tigre e o rapaz


A novela Life of Pi, do canadense Yann Martel, conta unha das historias máis estrañas e fantásticas que eu poda lembrar. Pi Molitor Patel é un rapaz que se salva do afundimento do barco no que a súa familia traslada o zoo do pai desde a India até Canadá. Pi é o único supervivente. Ben, non o único, pois terá que compartir o bote salvavidas cunha cebra ferida, un orangután, unha hiena e un grande e magnífico exemplar de tigre de Bengala chamado Richard Parker. Aí comeza a loita pola vida.

Alén da aventura no medio do Pacífico, relatada ao detalle e sen evitar os momentos macabros, con situacións paradóxicas nas que Pi ten que se decidir a deixar de ser vexetariano, resultan moi interesantes as reflexións do protagonista sobre o comportamento dos animais e sobre a relixión. Na historia tamén xoga un papel importante o humor e a ironía. En suma, unha novela que merece a pena ler, opinión compartida polo director taiwanés Ang Lee que actualmente está a traballar na adaptación cinematográfica.

2 comentarios:

sHs dijo...

Richard Parker, penso, chamábase o grumete que na novela "Arthur Gordon Pym", de Poe, acaba sendo comido polos seus compañeiros de naufraxio.

David Paz Nóvoa dijo...

Tes razón. Eu non o sabía. Teño por aquí o libro de Poe pero coa etiqueta de "pendente de ler", como tantos outros.
Unha aperta.